24 jul 2012

Bo Día Nacional de Galiza.

Boas noites a todas e todos, fillos e fillas de Galiza.


Escríbovos entre bágoas de carraxe e medo, porque teño algo realmente importante que decirvos e necesito desafogarme. Hoxe si, direi algo que sae do máis profundo da miña ialma e con respecto ao cal non admito refutación algunha, pois os sentimentos xamáis erran; polo tanto, deixade que por unha vez na miña vida deixe de poñer en dúbida ata as verbas propias. Comezo pois:


Hai un chisquiño, dispúxenme a ver na TVG, (a que é, polo menos en teoría, a canle dos/as e para os/as galegos/as) o espectáculo virtual da queima da fachada da catedral de Compostela; para iso, armeime co meu exemplar de "Sempre en Galiza" e apertei fortemente contra o meu peito a bandeira da matria, salferida  en forma de estrela da suor e sangue que os nosos devanceiros deitaron en gabias e surcos ao loitaren por nós, por estes galegos e galegas vítimas do autoodio e da galegofobia; aqueles que esquecemos a nosa identidade ceibando dos nosos beizos verbas foráneas que non teñen sentido nesta nosa terra húmida de saudade neboenta; suor e sangue a partir dos cales agromaron cepas novas. Vislumbraba con ilusión o xogo de luces e música, desexando aparecer de súpeto na Praza do Obradoiro, cando palabras que para min eran nese momento inconcebibles taladraron os meus oídos e se transformaron nunha dor profunda e escura que me queimou no peito, pois seica Paio falaba castelán... esas verbas sonaron dunha maneira moi clara na miña mente; semellaban a traducción do son das pernas dunha nai empuxada a axeonllarse con violencia no duro cemento, agardando a morte tras ser aldraxada e ignorada polos seus propios fillos. 


Espero que tras presenciar hoxe (unha vez máis e nun día dan importante para as galegas e galegos) como os imbéciles e escuros excluíron a lingua que herdamos dos nosos avós, como agocharon de novo a nosa identidade no recuncho máis escuro dos seus fríos corazóns; quizáis por facernos ver a nós e aos que durmen que non existe tal signo diferenciador, saiades á rúa portando aquelo que teñades máis a man (sexan ferramentas de labranza, voces ou mesmo follas de papel) para lograr que dunha vez e para sempre ESPERTEMOS DESTE SONO, NACIÓN DE BREOGÁN!





1 comentario:

  1. Poeta do pobo, es unha poeta do pobo!
    Moi grande Inma, es moi grande.

    ResponderEliminar